A observación do tempo non é só unha actividade para o alumnado máis maior. Tamén os máis pequenos e pequenas do colexio participan de maneira activa no coñecemento do tempo atmosférico no seu día a día.
No caso do alumnado de Educación Infantil, e en concreto dos nenos e nenas de 4 anos, o traballo coa meteoroloxía forma parte dun momento moi especial da xornada escolar: a asemblea da mañá. Durante este tempo comparten conversas sobre moitos temas da súa vida cotiá, pero hai unha cuestión que sempre esperta moito interese: o tempo que fai cada día.
A través da observación do ceo, das nubes, da choiva ou do sol, o alumnado comenta e describe como está o día. Esta pequena rutina convértese nunha oportunidade para aprender a observar, expresar ideas e relacionar o tempo coas súas actividades diarias.
AUDIOS GRABADOS DURANTE A ASAMBLEA DURANTE O MES DE DECEMBRO:
AUDIO 1
https://drive.google.com/file/d/1Dr-tcVIT9qZnRbqGMibo0JWiL0wzDfYC/view?usp=sharing
AUDIO 2
https://drive.google.com/file/d/1ZbFIeI-z7R-yP7bOkQ5iJGXQ7YNxg_qm/view?usp=sharing
A partir desta conversa xorden reflexións moi significativas para eles: se trouxeron a roupa axeitada para o tempo que fai, que actividades poderán realizar ao longo do día no patio ou mesmo que plans especiais poden organizar para a fin de semana coas súas familias segundo a previsión do tempo.
Ademais destas conversas, o alumnado tamén tivo a oportunidade de realizar un pequeno experimento para comprender como se forman as nubes e por que cae a chuvia. Para iso empregaron auga con colorante e algodón, que representaba as nubes. Ao ir empapando pouco a pouco o algodón coa auga coloreada, puideron observar como chega un momento no que a “nube” xa non pode reter máis auga e esta acaba caendo, simulando así o que ocorre na atmosfera cando se produce a choiva.
Deste xeito, a meteoroloxía convértese nunha ferramenta moi próxima e comprensible para o alumnado máis pequeno, que comeza así a tomar conciencia da importancia do tempo atmosférico na nosa vida diaria.
Estas pequenas experiencias demostran que a educación meteorolóxica pode comezar dende idades moi temperás, fomentando a curiosidade, a observación da contorna e o diálogo na aula.

No hay comentarios:
Publicar un comentario