lunes, 19 de enero de 2026

ACTIVIDAD DE INVESTIGACIÓN E PODCAST METEOROLÓXICO SOBRE MAPA METEOROLÓXICO SIGNIFICATIVO PARA 1º ESO (19/01/26)

Dentro do Proxecto de Meteoroloxía do centro, o alumnado de 1º da ESO participou nun proxecto interdisciplinar que uniu a meteorología e a radio escolar, convertendo o estudo do tempo atmosférico nunha experiencia comunicativa e creativa.

A actividade centrouse no traballo cos diferentes tipos de mapas utilizados en meteoroloxía (mapas de presión, precipitacións, temperaturas, etc.). A partir dun mapa significativo achegado pola profesora de Bioloxía e dunha explicación inicial sobre como se elabora un guión de radio, o alumnado tiña como reto crear o seu propio guión radiofónico dun parte meteorolóxico.

Para a elaboración do guión, establecéronse unha serie de pautas claras que debían respectar: rigor científico na información, correcta interpretación dos mapas meteorolóxicos, coidado da entonación e da expresión oral, e, ao mesmo tempo, traballo da orixinalidade e da creatividade, fundamentais nun medio como a radio.

Unha vez elaborados os guións, tiveron as vacacións de nadal para revisalos e melloralos, co obxectivo de pulir contidos, clarificar mensaxes e preparar o alumnado para a fase final: a gravación do podcast. Nesta primeira etapa, as gravacións realizáronse nas súas propias casas, o que permitiu tamén analizar as dificultades que puideron xurdir en cada situación (ruídos, medios técnicos, entonación, nervios, etc.) e reflexionar sobre elas despois en clase.

O resultado foi moi positivo. Aínda que apareceron pequenas erratas, o que máis destacou foi o entusiasmo, a implicación e a ilusión do alumnado, que quedou encantado coa experiencia de converterse en auténticos comunicadores meteorolóxicos.




ENLACE DA INFOGRAFIA CREADA COA AXUDA DA IA GEMINI.

https://drive.google.com/file/d/1FeCkNIsO036BzLVsJdDp2hPGPKEc56QA/view?usp=sharing

Como motivación extra, organizouse un pequeno concurso, no que se seleccionaron os tres mellores traballos. Estes alumnos e alumnas recibiron como premio un micrófono, co fin de mellorar a calidade dos seus futuros podcast. Ademais, os tres partes meteorolóxicos gañadores serán gravados na radio do colexio.

A pesar do carácter competitivo da actividade, todos os podcast elaborados polo alumnado serán compartidos coa comunidade educativa, poñendo en valor o traballo realizado e fomentando a divulgación científica a través da radio escolar.

Este proxecto permitiu desenvolver competencias científicas, comunicativas e dixitais, reforzando o uso da meteoroloxía como ferramenta educativa e a radio como medio de expresión e aprendizaxe.


ARQUIVO DE AUDIO DE TODOS OS PODCAST GRABADOS POLO ALUMNADO.

https://drive.google.com/drive/folders/1AD3vqukFgAYrz-deLfYiWrt6-4g61H1L?usp=sharing


No hay comentarios:

Publicar un comentario

O NOSO CENTRO RECIBE EN SANTIAGO UN RECOÑECEMENTO DE METEOESCOLAS E ESCOLAS VERDES EXCELENTES

O noso centro educativo vén de recibir unha importante distinción polo traballo realizado durante o pasado curso escolar. O proxecto desenvo...