O alumnado de 2.º da ESO participou nunha actividade interdisciplinar na que se combinaron os contidos de Tecnoloxía, a robótica educativa, o pensamento computacional e a meteoroloxía, culminando cunha experiencia de aprendizaxe-servizo dirixida ao alumnado de Educación Infantil e 1.º de Educación Primaria.
Como punto de partida, o alumnado realizou a montaxe dos robots da dotación de Polos Creativos do centro (dous mBot2 e dous Ranger), aplicando os coñecementos adquiridos na materia de Tecnoloxía sobre estruturas, electricidade, mecanismos e robótica. Esta primeira fase permitiulles familiarizarse co funcionamento dos robots e comprender os principios básicos da súa montaxe e programación.
Unha vez preparados os robots, o alumnado asumiu o reto de deseñar unha actividade educativa na que a robótica servise como ferramenta para achegar conceptos básicos de meteoroloxía aos máis pequenos. Para iso, planificaron de forma colaborativa a dinámica de traballo, decidiron os materiais necesarios para elaborar un tapete de programación, seleccionaron os contidos meteorolóxicos que se ían traballar e adaptaron a presentación da actividade ás características e necesidades do alumnado destinatario.
Co obxectivo de fomentar a sustentabilidade e reducir a xeración de residuos, optouse por reutilizar os paneis separadores instalados nas zonas comúns durante a pandemia da COVID-19. Empregando cinta illante, o alumnado deseñou sobre estes paneis un gran tapete de programación dividido en diferentes espazos, incorporando imaxes relacionadas con distintos fenómenos e elementos meteorolóxicos que servirían de referencia para o desprazamento dos robots. O deseño do tapete será permanente, pero o contido diseñouse para que puidera ser removido fácilmente e reaproveitarse para outras actividades.
A través desta proposta, o alumnado desenvolveu competencias relacionadas con:
A montaxe e programación de robots educativos.
O deseño de solucións mediante pensamento computacional.
A aplicación práctica dos contidos de Tecnoloxía e Meteoroloxía.
A reutilización de materiais e a educación para a sustentabilidade.
A planificación de actividades adaptadas a diferentes idades.
A comunicación oral e a divulgación científica.
Como actividade final, o alumnado presentou a dinámica nas diferentes aulas de Educación Infantil e 1.º de Educación Primaria, explicando o vocabulario meteorolóxico adaptado á idade dos participantes e guiando aos máis pequenos no uso dos robots para completar diferentes percorridos sobre o tapete. Deste xeito, convertéronse en protagonistas da súa propia aprendizaxe e en transmisores de coñecemento, favorecendo a aprendizaxe entre iguais e entre etapas educativas.
Con actividades coma esta seguimos impulsando metodoloxías activas nas que a tecnoloxía, a creatividade, a sustentabilidade e a divulgación científica se combinan para ofrecer experiencias de aprendizaxe significativas e motivadoras para todo o alumnado.
Porque aprender ciencia tamén significa compartir o aprendido e poñer a tecnoloxía ao servizo da educación.
ENLACE AO TRABALLO REALIZADO POLO ALUMNADO
https://drive.google.com/drive/folders/1zmb9GjfAkRFma9L1Yq01Aw2FAs1kJb0o?usp=sharing
No hay comentarios:
Publicar un comentario